IniciosociedadeO BNG reclama á Xunta que dote de servizo de pediatría a...

O BNG reclama á Xunta que dote de servizo de pediatría a Alfoz e O Valadouro

Os nacionalistas esixiron no Parlamento a cobertura das prazas vacantes que existen na mesma especialidade en Xove, Cervo, Ribadeo, Barreiros, Lourenzá e Mondoñedo

Publicada o

- Advertisement -

O BNG reclama á Xunta que dote aos concellos de Alfoz e O Valadouro do servizo de pediatría e que cubra as prazas vacantes que existen actualmente na mesma especialidade nos concellos de Xove, Cervo, Ribadeo, Barreiros, Lourenzá e Mondoñedo.

Nunha pregunta formulada na comisión de Sanidade do Parlamento galego, o deputado nacionalista Daniel Castro indicou que a falta deste persoal facultativo na Mariña é “un problema que vén de longo”, con “eivas xerais que se dan en case todos os concellos da comarca e que lamentablemente son comúns a moitas comarcas do país, pero tamén con deficiencias específicas”.

Neste sentido salientou a situación do servizo nos municipios de Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros, que comparten unha mesma profesional pediátrica que traballa de forma alterna nas tres localidades e “que debe atender ela soa arredor duns 800 nenos e nenas”, advertiu, para a continuación engadir as derivacións que sofren os e as pequenas ao médico de familia ou mesmo ao servizo de urxencias do hospital da Mariña.

Castro tamén puxo o foco en San Cibrao, onde o Goberno galego tardou medio ano en cubrir a baixa da pediatra e só o fixo logo das mobilizacións cidadás, aínda que posteriormente acabou deixando a praza deserta por xubilación e cubríndoa cun profesional que só presta atención dous días á semana a preto de 600 pequenos dos concellos de Cervo e Xove. “O resultado é que as familias acaban levando aos nenos e nenas ao hospital de Burela, tremendamente sobrecargado, para seren atendidos por un ou unha médica de familia”.

“DESVANTAXE DE DEREITOS”

O deputado nacionalista recordou outros casos de baixas pediátricas non cubertas durante meses, como aconteceu en Ribadeo, e fixo especial fincapé nos concellos de Alfoz e O Valadouro, “que levan moitos anos sen servizo de pediatría”. Así, explicou que os aproximadamente 350 nenos destas dúas localidades téñense que desprazar ata Foz para seren atendidos por unha pediatra que, por riba, “traballa con redución de xornada desde hai tempo e que por suposto non se cubriu con outro ou outra profesional”.

“As consecuencias desta realidade son evidentemente a sobrecarga extrema dun servizo de pediatría xa de por si sobrecargado”, recalcou, para a continuación advertir das “grandísimas listas de agarda que se producen e un máis que evidente deterioro da calidade da nosa sanidade pública” e reclamar a dotación de servizo pediátrico para O Valadouro como fixera xa en 2014 o propio pleno municipal a iniciativa do BNG.

Para o deputado nacionalista, a “práctica xeneralizada de non cubrir ningunha das baixas ou vacacións” das e dos profesionais pediátricos “implica un exemplo máis do abandono que padece o rural por parte do Goberno de Feijóo. De nada vale anunciar a bombo e prato lexislaturas do rural, se na realidade o feito de habitalo lle supón á xente deste país unha clara desvantaxe nos dereitos e na calidade da súa sanidade pública”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...